Friday 17 de May de 2024

Política Social organiza unhas xornadas de exclusión financeira para os profesionais que traballas con familias en situación de vulnerabilidade


O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, asistiu hoxe á inauguración das xornadas que se celebraron na Escola Galega de Administración Pública

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, asistiu esta mañá á inauguración das Xornadas sobre Exclusión Financeira organizadas pola Consellería de Política Social en colaboración co Instituto Galego do Consumo e da Competencia – Escola Galega do Consumo. A sesión formativa, dirixidas aos profesionais dos servizos sociais municipais, autonómicos e das entidades de iniciativa Social que traballan coas familias, desenvolveuse ao longo da mañá na Escola Galega de Administración Pública (EGAP).

O principal obxectivo do curso é potenciar a formación destes profesionais para conseguir unha comunicación coas familias en materia da exclusión financeira cada vez máis completa e eficiente. Ademais, estas xornadas pretenden reforzar o acceso das persoas con escasos recursos a unha conta bancaria básica, sen obrigas de pago asociada por comisións, entre outras cuestións.

Nas xornadas participan máis de 60 profesionais e o seu desenvolvemento combina dous tipos distintos de metodoloxía: a charla formativa-participativa con actividades, e diferentes iniciativas prácticas para fomentar as relacións entre todos os participantes. Tralo éxito de solicitudes para participar nesta sesión formativa a Consellería de Política Social estudará realizar unha nova edición deste curso nos vindeiros meses.